NOTICIAS

 

 El Correo Gallego. Domingo 17 de Junio de 2001

FOTO:Lecer
O encoro do Yesa, construído sobre as augas do río Aragón no ano, 1959 podería aumentar ata tripica-la súa capacidade
REPERCUSIÓNS DO PLAN HIDROLÓXICO NACIONAL
Vintedous quilómetros do Camiño de Santiago quedarán asolagados polo recrecemento do encoro do Yesa en Aragón
 
Uns 22 quilómetros do Camiño de Santiago, o núcleo urbano do municipio de Sigüés e numerosos bens de patrimonio histórico de tres concellos aragoneses sofren a ameaza das augas. Se ninguén o frea quedarán asolagados polo crecemento do encoro de Yesa, situado no Pireneo. Yesa, xunto con Santaliestra e Biscarrués son a chave do controvertido Plan hidrolóxico nacional. Nestes tres encoros acumularase un excedente de 1.080 hectómetros cúbicos que se transvasarán ás zonas máis secas do levante español. Asociacións ecoloxistas, culturais e os propios concelllos opóñense fortemente ós plans do Ministerio de Medio Ambiente.
 
Natalia Sequeiro
 

      O encoro do Yesa foi construído sobre as augas do río Aragón, un dos afluentes do Ebro, no ano 1959. Agora a Administración española prentende recrece-la presa ata tripica-la capacidade. O proxecto xa aprobado ten adxudicada a construcción, a pesar da forte oposición dos tres municipios afectados que denunciaron ante a Xustiza as supostas irregularidades do plan. Se os tribunais non o remedian coa obra conformarase un xigante de 1.500 hectómetros cúbicos e aumentará 38 metros a parede que contén as augas do río na actualidade. Con isto quedará asolagado o núcleo urbano de Sigüés e os concellos de Artieda e Mianos posiblemente verán minguada a súa poboación, que terá que emigrar ó non poder seguir explotando as terras de cultivo, tamén asolagadas.

      No aspecto ambiental inundarase gran parte da Foz de Sigüés, un espacio que está protexido por Decreto da Deputación de Aragón e proposto como Lugar de Interese Comunitario. A Foz é un refuxio de especies vexetais mediterráneas que acadan neste lugar o seu límite setentrional na península. Desaparecerían así mesmo 771 hectáreas de vexetación, gran parte dela de ribeira.

      As augas rematarán tamén con 22 quilómetros do Camiño de Santiago e con importantes bens de patrimonio artístico, como igrexas medievais ou filóns arqueolóxicos e necrópoles romanas.

      Nos dous últimos anos o rexeitamento social ó recrecemento de Yesa foi en aumento. Manifestacións, paros e xaxúns voluntarios non conseguiron polo momento dete-las intencións do Goberno.

      Recentemente, a Asociación Pública para a Defensa do Patrimonio Aragonés presentou unha denuncia referida ós danos causados no Camiño de Santiago ante a Fiscalía de Zaragoza. A Asociación Río Aragón tamén denunciou atentados contra o patrimonio acusando directamente a Confederación Hidrográfica do Ebro e o Departamento de Cultura do Goberno aragonés.

      O Concello de Artieda, pola súa banda, tentou de consegui-lo apoio da Unesco nas súas reivindicacións. Así, pediu que o tramo ameazado do Camiño de Santiago, declarado Patrimonio da Humanidade, fose incluído na lista do Patrimonio Mundial en Perigo. O Concello asegura, sen embargo, ter coñecemento de que os informes requiridos pola Unesco ás autoridades compententes en materia cultural "foron parciais, faltos de rigor científico e cun obxectivo pretendido: concluí-la bondade do proxecto''.

  
Patrimonio en perigo
 

      EN SIGÜÉS:

Centro urbano: De orixe medieval esta vila conserva casas góticas e os restos dun castelo.

Igrexa de Santo Estevo: Erixida no século XI, de estilo románico aínda que profundamente reformada no XVI.

Hospital de Santa Ana: Construído no século XVI para atende-las necesidades dos peregrinos procedentes das diversas entradas pirenaicas do Camiño de Santiago.

Ermida de San Xoán Bautista: Situado ó nordeste de Sigüés foi construído na época moderna.

EN RUESTA:

Ermida de San Xacobe: Románica construída no século XI. Sitúase na ruta entre Ruesta e Undués de Lerda e moi proxima ó Camiño de Santiago. Foi restaurada hai uns anos pola Deputación de Aragón e durante os traballos descubriuse unha necrópole romana nas súas inmedacións.


Ermida de San Xoán Bautista: De planta rectangular e pequeno tamaño data do século XII. Atópase ó pé do Camiño de Santiago e, aínda que hoxe é un edificio illado, a documentación medieval asegura que foi parte dun mosteiro.


Ponte medieval: Pola que cruzan os peregrinos no seu camiño cara a Santiago.

EN ARTIEDA:

Ermida de San Pedro:
Edificio do século XVIII restaurado e no que se pode atopar restos romanos como un capitel corintio ou un fragmento de cornisa. Estes elementos, que poden pertencer ó século II, son dunha vila romana que se atopa nas inmediancións e onde tamén apareceuun mosaico trasladado ó museo de Zaragoza.

      

Asociación Río Aragón-COAGRET